O proxecto de Innovación Educativa de Aprendizaxe-Servizo “Xornalismo colaborativo e transmediático contra a discriminación social”, que se leva adiante na materia Redacción Informativa, no grao en Xornalismo e no dobre grao en Xornalismo e en Comunicación Audiovisual, na Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago, busca aplicar unha metodoloxía educativa que integre os procesos de Aprendizaxe coa realización de tarefas de Servizo á comunidade xornalística e aos comunicadores en xeral. Trátase dunha iniciativa que, coordinada polos profesores Xosé López e José Casás, busca implicar aos alumnos no emprego das linguaxes inclusivas e no combate do emprego de linguaxes discriminatorios.
No taller que se desenvolve ao longo do segundo semestre do curso, alumnado e profesores aplicarán recursos que permitan a elaboración dunha breve guía con recomendacións básicas para o cultivo dun xornalismo galego inclusivo. Este blog será a principal canle de difusión dos traballos e dos resultados do proxecto.
A iniciativa, que conta coa colaboración do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, ten como guía de referencia o blog de Nacho Mirás, xornalista falecido prematuramente e que foi profesor desta Facultade de Ciencias da Comunicación, onde agora hai un aula que leva o seu nome, na que se realizará este obradoiro.
Nacho Mirás coidou o emprego de linguaxes inclusivas nas súas pezas e foi un puntal no combate de todo tipo de discriminación. Esta iniciativa quere ser unha homaxe ao noso compañeiro para, modestamente, dar continuidade ao seu traballo docente.
Anímate e participa. Este é un proxecto aberto e colaborativo que busca integrar os procesos de aprendizaxe e servizo. Súbete ao carro do xornalismo inclusivo.