Responsabilidade dos medios de comunicación co colectivo
A Convención Internacional sobre a Eliminación de Todas as Formas de Discriminación Racial de 1965, di que a expresión discriminación racial refírese a: “calquera distinción, exclusión, restrición ou preferencia baseada na raza, cor, liñaxe ou orixe nacional ou étnica que teña por obxecto ou como resultado de anular ou diminuír o recoñecemento, goce ou exercicio, en condicións de igualdade, de dereitos humanos e liberdades fundamentais nos ámbitos político, económico, social ou cultural ou en calquera outro ámbito da vida pública “. Polo tanto, o racismo ou a discriminación racial é unha grave violación dos dereitos humanos, as persoas son discriminadas por mor da súa afiliación étnica ou racial, de tal xeito que unha serie de persoas considéranse superiores a outras persoas.
Unha das eivas que os medios teñen desde o seu nacemento son as súas dificultades para tratar dunha maneira axeitada a todo aquel que é diferente, mais este problema viuse agravado aínda máis coa aparición do xornalismo post-televisivo, marcado por unha constante uniformizadora na que queda pouco espazo para o minoritario, fóra dalgúns exemplos descontextualizados.
Se ben no caso étnico, como en tantos outros, a existencia do que é diferente é inherente a calquera sociedade desde o principio dos tempos, é certo que coa actual extensión a nivel planetario das correntes migratorias provocadas pola desigualdade, a presenza das minorías étnicas faise cada vez máis palpábel. É necesario, pois, facer un impulso por dar un tratamento xusto e adecuado nos medios a todos os grupos étnicos que conforman a sociedade, sen caer en redaccións que utilicen a etnia como un elemento máis para marxinar as minorías.
Os prexuízos son tendencias evaluativas dirixidas cara aos grupos sociais e os seus membros. Xeralmente, os prexuízos cara a grupos étnicos e nacionais caracterízanse por ser valoracións negativas. Isto inclúe, por suposto, que o individuo desenvolveu afectos negativos cara ao grupo e os seus membros. Pero tamén é posible que o prexuízo se asente nas crenzas do suxeito sobre os membros do grupo e que inclúa a intención de comportarse en forma de evitación, rexeitamento ou hostilidade.
Por outra banda, os denominados como estereotipos veñen definindo un conxunto de crenzas compartidas e xeralmente estruturadas a preto dos atributos persoais que caracterizan aos membros dun grupo. Trátase por tanto de diversas crenzas, relacionadas entre se, referidas a distintos individuos, normalmente os membros dun grupo, que poden incluír trazos de personalidade, características físicas, condutas e mesmo roles e ocupacións. O proceso polo que se atribúen a un individuo características en función da súa pertenza a determinado grupo denomínase estereotipia. Consiste en utilizar o estereotipo para inferir, xulgar e/ou predicir condutas dun individuo.
Os medios de información revelan actitudes de discriminación e racismo incluso cando as ocultan. A negación da existencia desas actitudes na sociedade, é tamén unha forma de posicionarse sobre o tema. A ausencia de diversidade cultural ou étnica nos medios (no que publican, e nas súas estruturas de produción) é un indicador do seu comportamento en relación á discriminación e o racismo.
O racismo nos medios ven dado non só na imaxe, senón maioritariamente na linguaxe utilizada, pois en moitas ocasións os contidos veñen incluídos no propio tratamento lingüístico.
Exemplos:
- Existen uns tópicos e estereotipos sobres os xitanos que, en parte, foron alimentados polos medios de comunicación.
- Entre os inmigrantes, o marroquí é “o outro” para a opinión pública española. É o colectivo que máis recibe actitudes racistas e xenófobas.
- En xeral, os medios de comunicación en España presentan aos inmigrantes vinculados fundamentalmente a tres cuestións: delincuencia, inmigración ilegal e conflitos, xa sexa por motivos racistas ou de choque entre culturas.
- A chegada de forma ilegal a España é outra das temáticas máis representadas nos medios. Neste tema explótase o dramatismo cando se fala de pateras (este tipo de embarcación non é a máis numerosa, pero si a máis chamativa e máis representada polos medios).
Como mellorar o tratamento informativo sobre o colectivo
- Non deben incluírse nas noticias características como o grupo étnico, a cor da pel, o país de orixe, a lingua, a relixión ou a cultura agás nos casos en que sexa estritamente necesario para a comprensión da información. Este tipo de caracterizacións estabelece dicotomías do tipo eles / nós, que afastan ás minorías do resto da poboación e adoitan relacionarse con outros binomios maniqueos.
- Evitar a asociación entre fluxos migratorios e delincuencia, sen contextualización nin análise de causas.
- Cómpre evitar calquera tipo de xeralizacións, estereotipos e simplificacións. Tanto os tópicos que dividen ás persoas por nacionalidade ou etnia (aplicándolle a cada grupo un tipo de ocupación ou características persoais) como as asociacións coa marxinalidade ou a delicuencia deben ser erradicadas dos medios de comunicación.
- Non asociar as persoas migrantes co desemprego ou a masificación de servizos públicos, para concienciar a cidadanía autóctona de que non é a única propietaria lexítima do espazo público.
- É esencial, daquela, evitar a potenciación das informacións negativas ou sensacionalistas, xa que poden dar azos á aparición de conflitos. Isto non implica faltar á verdade con edulcoracións ou eufemismos, mais apenas ofrecer unha perspectiva ampla e transversal das minorías, visibilizando cuestións como as súas condicións de vida, integración, aportacións á cultura e á economía, etcétera.
- Distinguir os conflitos laborais, veciñais ou políticos dos conflitos racistas.
- Respectar coidadosamente a intimidade das persoas, especialmente das menores. Non se deben obter imaxes invasivas sen contar coa autorización expresa dos seus protagonistas.
- É necesario buscar a ecuanimidade nas fontes de información, potenciando as propias das minorías, fronte á práctica habitual no xornalismo actual de utilizar apenas fontes institucionais. Os membros das minorías étnicas son fontes esenciais por si propias.
- Especial mención e esforzo merece a visibilización do pobo xitano. Na súa longa historia como minoría étnica endóxena no noso ámbito, a súa marxinación na información ten sido por veces mesmo maior que a doutras minorías de implantación menor e máis recente.
Ademais, débense potenciar os seguintes aspectos:
- Construción en primeira persoa, visibilidade e mostra de situacións discriminatorias.
- Unha persoa pode ser presentada empregando o seu nome e apelidos, sen necesidade de definila co grupo cultural e/ou étnico.
- Debemos preguntarnos se hai que especificar a orixe ou o feito de que, algunha vez, se desprazou.
- Dicir que alguén “inmigrou” é mais adoitado que dicir que “é inmigrante”. Sobre todo, temos que preguntar ás persoas como queren ser denominadas.
- A referencia continuada á condición de “migrante” dificulta todo proceso de integración ao país como cidadán.
- Se é preciso indicar a orixe étnica, hai que facelo mencionando o país ou poboación de orixe (chino ou de Pekín en lugar de asiático) e contextualizar temporalmente o proceso migratorio.
- Mostrar as situacións discriminatorias para refuxir das descualificacións gratuítas e fomentar un recoñecemento máis amplo da diversidade, hai que facer visibles as situacións de agresión e de discriminación social e/ou institucional que sofren as persoas por razón de orixe e/ou crenzas, e denuncialas e rexeitalas publicamente.
A continuación algunhas solucións de mellora para o tratamento de comunidades discriminadas. Tratamento correcto da información:
O xornalista non debería identificar como xitana a unha persoa salvo que sexa necesario para a comprensión da noticia, xa que non se recolle en ningún documento, nin se quera os Corpos e Forzas de Seguridade do Estado deben mencionalo. Moitas veces xunto á identificación da etnia indícanse os apelidos da persoas implicadas, cousa que non sucede coas persoas non xitanas.
Outra cousa a ter en conta é o lugar onde se produce a mención da etnia, xa que non ten a mesma relevancia no titular, na entradilla ou no corpo da noticia. Hai que ter en conta as consecuencias que unha noticia negativa pode conlevar e non debemos xeralizar.
No caso da comunidade xitana moitas anécdotas acaban converténdose en noticia ser ter relevancia informativa. Moitas veces cáese en tópicos que provocan un gran descoñecemento sobre a realidade da comunidade e buscan o morbo e sensacionalismo. Hai que evitar estos tópicos, que axudan a crear estereotipos negativos. Tamén debemos informarnos correctamente, acudindo a fontes xitanas e contextualizando ben a información.
Como xornalistas deberíamos proporcionar unha visión realista da comunidade xitana non só publicando noticias negativas. Potenciando os contidos sobre as súas realidades tanto culturais coma vitais, dando un reforzo positivo que axude a cambiar a visión para as novas xeracións. A terminoloxía usada nas noticias non adoita ser a correcta, incluíndo termos que non son adoitados para falar da comunidade xitana.
Os recursos visuais tamén xogan un papel moi relevante, neles debemos mostrar unha imaxe responsable sendo conscientes dos prexuízos e mostrando colaboración entre xitanos e non xitanos, mostrándoos coma unha comunidade desenvolta.
Terminoloxía
Non | Si |
Minoría | Comunidad, colectivo |
Denigrar (vén de negro) | Agraviar, deshonrar |
Raza | Etnia |
Raza xitana | Pobo xitano |
Conguito | Persoa negra |
Traballar coma un negro | Traballar arreo |
Persoa de color | Persoa negra, de orixe africana… |
Clan (pobo xitano) | Familia |
Moro, mora (despectivo) | Persoa marroquí, arxelina/magrebí… |
Sudaca | Latinoamericana, arxentina, ecuatoriana, de orixe latinoamericano… |
Negro (escritor) | Escritor pantasma (do inglés ghost-writer) |
Cabeza de turco | Emisario, chivo expiatorio… |
Merenda de negros | Barullo |
Traballo de chinos | Moi laborioso |
Paciencia de chinos | Moita paciencia |
Velo islámico | Velo |
Arreglador | Home/Muller de respeto/Tío/a |
Clan | Familia extensa/grupo familiar |
Colectivo xitano | Comunidade xitana |
Integración | Inclusión social |
Multiculturalidade | Interculturalidade |
Patriarca | Home/Muller de respeto/Tío/a |
Paio | Gadye/Non xitano |
Raza | Etnia |
Liorta | Conflito/enfrentamento |
Tribu | Grupo familiar |
Xenofobia | Racismo/antixitanismo/discriminación |
Persona de cor | Persona negra/ de orixe africana |
Nomadismo | Comunidade sedentaria |
Supermercado da droga | Poboado |
Moro | Magrebí/arxelina/marroquí… |
Indíxena | Poboación autóctona/orixinaria |
Cabeza de turco | Emisario/chivo expiatorio |
Traballar como un negro | Traballar moito |
Merenda de negros | Juego sucio/confusión/desorde |
Fontes consultadas
- http://www.labroma.org/blog/wp-content/uploads/2016/03/Libro-de-estilo-Servimedia.pdf
- http://www.mesadiversitat.cat/pfw_files/cma/mda/not_cies/documents/Guia_del_lenguaje_inclusivo_CAS.pdf
- http://xornalistas.gal/biblioteca/recomendacions-extraidas-do-foro-sobre-comunicacion-e-minorias-eticas/
- http://www.stoplgbtfobia.org/wp-content/uploads/2015/04/Igualdad-de-Trato-y-no-discriminación.Guía-de-recomendaciones-para-la-formación-de-fuerzas-y-cuerpos-de-seguridad.pdf
- http://www.inmujer.gob.es/publicacioneselectronicas/documentacion/Documentos/DE1691.pdf
- Guía de estilo para periodistas. ¿Cómo informar de colectivos en peligro de exclusión?: http://www.labroma.org/blog/wp-content/uploads/2016/03/Gu%C3%ADa-para-periodistas-C%C3%B3mo-informar-de-colectivos-en-riesgos-de-exclusi%C3%B3n-EAPN.pdf
- http://www.unionromani.org/
- accem.es
- galiciaacolle.org
- igaxes.org
- caritas.es
- http://www.sosracismo.org
- http://www.oberaxe.es
- http://esracismo.com/2016/03/22/diez-ejemplos-de-topicos-racismo-y-xenofobia-en-la-prensa/
- https://afrofeminas.com/2014/03/31/palabras-que-discriminan-racismo-en-el-lenguaje/
- https://www.youtube.com/watch?v=f7E1V5mqlJU
- http://www.mesadiversitat.cat/pfw_files/cma/mda/not_cies/documents/Guia_del_lenguaje_in clusivo_pdf
- https://afrofeminas.com/2014/03/31/palabras-que-discriminan-racismo-en-el-lenguaje/
- https://afrofeminas.com/2018/03/26/limpieza-bucal-pequenisimo-glosario-de-terminos-discri minatorios/
- http://www.observorg/2017/07/19/la-islamofobia-los-numeros-las-letras/
- http://documentacion.aen.es/pdf/libros-aen/coleccion-estudios/violencia-y-salud-mental/parte 7-desplazamientos-y-migraciones/389-racismo-y-medios-de-comunicacion.pdf